La escopeta nacional
La escopeta nacional | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | La escopeta nacional |
Director | Luis García Berlanga |
Guión | Luis García Berlanga Rafael Azcona |
Intérpretes | Rafael Alonso Luis Escobar Conchita Montes Agustín González Antonio Ferrandis José Luis López Vázquez Mónica Randall |
Fotografía | Carlos Suárez |
Montaxe | José Luis Matesanz |
Estudio | Impala |
Distribuidora | In-Cine Compañía Industrial Cinematográfica |
Estrea | 14 de setembro de 1978 |
Duración | 95 minutos |
Orixe | España |
Xénero | Comedia |
Na rede | |
La escopeta nacional é un filme español de 1978 do director Luis García Berlanga que mostra un acedo retrato da clase empresarial e política dos últimos anos do franquismo, xa nos anos 70. Debido ao éxito do filme seguíronlle dous filmes máis que conformaron a triloxía da familia Leguineche: Patrimonio nacional (1981) e Nacional III (1982), ben acollidas pola crítica e o público. Berlanga inspirouse nas cazarías de Franco para realizar o filme.[1]
Sinopse
[editar | editar a fonte]Inverno de 1972. Jaume Canivell (José Sazatornil), un fabricante catalán de porteiros electrónicos para edificios, viaxa a Madrid coa súa secretaria (Mónica Randall), quen en realidade é a súa amante. Van asistir a unha cazaría paga por el mesmo na leira "Los Tejadillos", propiedade dos Marqueses de Leguineche. Porén, oficialmente é o marqués quen paga a cazaría aos amigos. O obxectivo de Canivell é relacionarse coa alta sociedade para mellorar o negocio e poder vender os porteiros nas urbanizacións de nova construción. Na cazaría establece amizade con Álvaro (Antonio Ferrandis), Ministro de Industria do gabinete.
Porén, desde que chega á leira todo son sobresaltos e aparicións de personaxes absurdos. Durante a súa estadía, Canivell e a súa parella son testemuños da destrución dunha extravagante colección do marqués de Leguineche (Luís Escobar), do rapto dunha actriz masoquista (Bárbara Rey) polo fillo onanista do marqués (José Luís López Vázquez) ou do cambio de goberno que deixa ao seu contacto ministerial na rúa. Isto obriga a Canivell a gañarse agora a amizade do novo equipo de goberno, do Opus Dei, presente tamén na cazaría. Entre outros disparates, o propio Canivell debe facerse pasar por un produtor de cine, axudar na misa na capela da leira, "aceptar" que a cazaría a paga o marqués ou devolver "xenerosamente" un premio dun bingo celebrado na leira.
Personaxes principais
[editar | editar a fonte]- Jaume Canivell, industrial catalán (José Sazatornil)
- Mercé, secretaria e amante de Jaume (Mónica Randall)
- Don José, marqués de Leguineche (Luis Escobar, marqués das Marismas do Guadalquivir)
- Álvaro, ministro de Industria (Antonio Ferrandis)
- Luis José de Leguineche, herdeiro onanista (José Luis López Vázquez)
- María Jesús, "Chus", esposa de Luis José (Amparo Soler Leal)
- Padre Calvo, capelán da vila e franquista fervoroso (Agustín González)
- Segundo, criado de confianza de Luis José (Luis Ciges)
- Vera del Bosque, actriz amante do ministro (Bárbara Rey)
- Cerrillo, organizador de eventos e da cazaría (Rafael Alonso)
Produción
[editar | editar a fonte]Entre as localizacións da rodaxe atópase a leira madrileña de "El Ricón". Está situada no municipio de Aldea del Fresno, no suroeste da Comunidade, a 53 km da capital.[2]
Premios
[editar | editar a fonte]34.ª edición das Medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos[3]
Categoría | Premiado | Resultado |
---|---|---|
Mellor filme | La escopeta nacional | Gañadora |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Las 100 sagas imprescindibles del cine. La escopeta nacional". Fotogramas. Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ "Palacios de película: así apoyan Carlos Falcó y otros aristócratas el cine español" (en castelán). 2020-02-05. Consultado o 2021-03-22.
- ↑ "Medallas del CEC a la producción española de 1978". Círculo de Escritores Cinematográficos. Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2021. Consultado o 10 de decembro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- La escopeta nacional na IMDb (en inglés).
- Sobre o filme, na páxina Berlanga Filme Museum. (en castelán)
- Guión de La escopeta nacional (en castelán)Arquivado 22 de decembro de 2019 en Wayback Machine. no sitio Berlanga Filme Museum: facsímile electrónico.
- Berlanga fala do filme, con visión de secuencias dela. (en castelán)
- DELTELL, Luís: Marqués de Leguineche & son (Análise de "A escopeta nacional", "Patrimonio Nacional", "Nacional III" e dos proxectos cinematográficos "Nacional IV" e "Viva Rusia!")
- Texto Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en PDF, do sitio de publicacións Arquivado 03 de abril de 2022 en Wayback Machine. da Universidade Complutense de Madrid.